Premio Diego Bernal 2015

Lois Caeiro, Premio Diego Bernal 2015
Compostela,
26 de novembro de 2014.-
A Asociación de Periodistas de Galicia (APG) acordou distinguir co
Premio Diego Bernal, na súa XX edición, ao xornalista Luis
Rodríguez García (máis coñecido como Lois Caeiro) pola súa ampla
traxectoria profesional en medios de comunicación.

Lois
Caeiro (Sobrado
dos Monxes, 1951) estudou na Universidade de Comillas e na
Complutense, onde fixo os cursos de doutorado e da que foi profesor
honorífico. Comezou en 1968 a colaborar en El
Ideal Gallego.
Cronista e comentarista político en Madrid nos anos da transición,
posteriormente realizou os mesmos cometidos en Galicia coas primeiras
eleccións parlamentarias e a constitución das institucións
autonómicas; así, puxo en marcha os servizos informativos da
Televisión
de Galicia
-dos que foi o primeiro director- e director xeral da Compañía
de Radio Televisión de Galicia.
Foi tamén director de Atlántico
Diario,
na saída á rúa do xornal, e participou na posta en marcha de
outras publicacións como Galicia
Confidencial
ou Galicia,
viajes y turismo.
Colaborou no suplemento cultural de Ya,
La
Voz
de Galicia,
El
Correo Gallego,
La
Región, Man Común ou
Encrucillada,
entre outras. Foi correspondente en Galicia de ABC,
Actualidad Agraria
e da Axencia
Logos.
Desde o ano 2000 é director do diario El
Progreso,
de Lugo.
Foi
tamén o primeiro responsable de prensa na Delegación do Goberno en
Galicia, na Confederación de Empresarios de Galicia e na Xunta de
Galicia. Asemade, encargouse de asesorar, en materia de comunicación,
a numerosas empresas na nosa Comunidade, como Pescanova, Caixa
Ourense ou Dragados. Publicou os libros Aquel
mundo
(1996)
e
O xantar da memoria
(2003), galardoado co premio nacional de gastronomía Álvaro
Cunqueiro. Foi co-tradutor da versión inglesa ao galego de A
Biblia dos nenos
(SEPT). Membro do Consello de Administración da editorial SEPT, do
padroado da Fundación Araguaney e de diferentes comisións do
Consello da Cultura Galega relacionadas cos medios de comunicación.
A
Asociación de Periodistas de Galicia decidiu constituír en 1996 un
premio xornalístico denominado Premio
Anual APG,
que tiña como finalidade premiar toda unha traxectoria profesional
de xornalistas galegos que exerceron en Galicia ou fora da nosa
Comunidade Autónoma. Tras o pasamento de Diego Bernal,
vicepresidente da entidade, a Asociación acordou cambiar a
denominación do premio, que pasou a chamarse Premio Diego Bernal, en
homenaxe á súa memoria.
O
Premio Diego Bernal non ten dotación económica e consta dunha
figura tipicamente galega, deseñada segundo a artesanía tradicional
de pratería de Compostela. Outórgase ao profesional que se
considera máis merecedor do mesmo entre todos os candidatos
propostos pola Xunta Directiva da APG, durante unha sesión ordinaria
celebrada no último trimestre do ano; e faise público antes de que
remate o ano, para ser entregado co gallo do 24 de xaneiro,
festividade do Patrón dos Xornalistas.
A
APG publicou en 2005 unha recopilación das semblanzas dos dez
primeiros premiados e ao longo de 2015 está previsto que faga o
mesmo coa relación dos galardoados nas vinte edicións, que integran
unha lista de prestixiosos profesionais galegos, aos que agora se une
Lois Caeiro, En edicións anteriores recibiron o galardón: Augusto
Assia (1996), Pedro de Llano (1997), Feliciano Barrera (1998), Camilo
José Cela (1999), Manuel Fernández Areal (2000), Colectivo
Xornalistas Vascos (2001), Santiago Rey Fernández-Latorre (2002),
José Manuel Rey Novoa (2003), Juan Ramón Díaz García (2004),
Alfonso Sánchez Izquierdo (2005), Ángel Botana (2006), Blanca
García Montenegro (2007), Gerardo González Martín (2008), Perfecto
Conde Muruais (2009), Manuel Martín Ferrand (2010), Pepe Domingo
Castaño (2011), Pilar Cernuda (2012), Germán Castro Tomé (2013) e
José Luis Alvite (2014).
Para
máis información:
Moncho
Paz, Xornalista. Directivo APG - Comunicación e Relacións Externas.
Tel. 629 888249 – monchopaz@periodistasdegalicia.es
Comentarios