Moncho Paz presenta a terceira novela de Gómez-Jurado

O escritor Juan Gómez-Jurado presentou a súa terceira novela en Vigo, acompañado de Moncho Paz, directivo da Asociación de Periodistas de Galicia.

Na tarde do pasado xoves día 20 tivo lugar en Vigo a presentación do novo libro de Juan Gómez-Jurado, escritor madrileño afincado en Compostela. Baixo o título El emblema del traidor (Plaza & Janés, 2008) atopamos unha novela ben contextualizada e documentada, unha obra moi completa á que non lle falta ningún ingrediente. De feito, foi galardoada o pasado mes de setembro co Premio Ciudad de Torrevieja -VII edición-, dotado con 360.000 euros.

O acto de presentación de El emblema del traidor celebrouse na Casa do Libro da cidade olívica ás oito da tarde, e contou coa presenza do xornalista Moncho Paz, que fixo de mestre de cerimonias nunha sala abarrotada de público. Tras o éxito acadado por Espía de Dios e Contrato con Dios, que chegaron a converterse en dous best-seller, a nova obra de Gómez-Jurado supera todas as expectativas. En verbas do autor, "con este relato o leitor atopará emoción e intriga, ademais de ter a oportunidade de coñecer mellor o período histórico da Alemaña de entreguerras".

A acción desenvólvese precisamente nesa época, onde o seu protagonista, Paul Reiner, descobre que o seu pai foi asasinado, un feito que provoca que paseniñamente vaia afondando nunha realidade que non vai ser do seu agrado. E tamén nunha vinganza na que interveñen a masonería e o contexto histórico que caracterizou ao devandito período. A trama da obra parte dunha historia real, acontecida no estreito de Gibraltar en 1940, que un libreiro de Vigo contou a Gómez-Jurado e Moncho Paz nunha fría noite de outono hai un par de anos.

Trátase das peripecias de Manuel González Pereira, ex-capitán da Armada Española, que se arriscou a ir ao cárcere despois de salvar a vida de catro xermanos a piques de naufragar nunha patera, poñéndoos a salvo en Portugal. De ese ex-capitán o libreiro herdou o emblema de ouro que da título ao libro: unha águia bicéfala sobre unha cruz de ferro cun enorme diamante incrustado no peito. Tras investigar sobre a peza, Gómez-Jurado descubriu que era un símbolo masónico de altísimo rango que, ao parecer, pertenceu a unha persoa que traicionou ás lóxias masónicas durante a época dos nazis.

Para máis información, pódese visitar a paxina http://www.elemblemadeltraidor.com/

Comentarios

Entradas populares de este blog

Homenaje a Pepe Castro en Coruña

Almuerzo homenaje a Luis Rivero de Aguilar